Tuesday 30 de April de 2024

Mato destaca que garantir un planeamento para todos os concellos é un obxectivo prioritario da nova Lei do solo


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio apunta que este texto recolle medidas e ferramentas que garantirán ter unha Galicia ordenada, sostible e capaz de crecer, ao tempo que respecta o patrimonio, valores naturais e a paisaxe

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, salientou que a nova Lei do solo ten entre os seus principias obxectivos garantir o planeamento en todos os concellos de Galicia. Así o puxo de manifesto durante a súa intervención nunha xornada sobre a Lei do solo, organizada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, aos que lles trasladou que a nova norma abandona a rixidez da anterior Lei do solo e aposta por acomodar as reservas ás verdadeiras características e necesidades de cada concello.

A modo de exemplo, explicou que ata o de agora fixábase de forma ríxida as reservas de zonas verde (un 10%) e as cesións para equipamentos. Coa nova lei sinálase que será o Plan xeral o que estableza a reserva de zonas verdes, mentres que a cesión de equipamentos deberá figurar nun plan parcial.

Outra das melloras que recolle a nova Lei do solo- sinalou Mato Otero- é o incremento da edificabilidade do solo empresarial, para o que se terá en conta as cifras de poboación e a importancia de cada concello dentro do seu territorio. Nese sentido, as Directrices de Ordenación do Territorio, aprobadas en 2011, serán o documento básico para o desenvolvemento urbanístico, xa que sinala a xerarquía e importancia que algúns núcleos de poboación teñen sobre o territorio.

Remate das edificacións
Outro dos fitos importantes que marcará esta nova Lei é o impulso que proporcionará á rehabilitación, co obxectivo de acadar un rural máis dinámico e vivo. Así, entre outras novidades, o texto recolle a obrigatoriedade de rematar as edificacións, un aspecto que na anterior norma era potestativo.

Ademais de reforzar esta obrigatoriedade, a Lei fomenta tamén a recuperación do xa construído fronte a novas edificacións. Deste xeito, perséguese dotar a Galicia do marco necesario para que as edificacións se adapten ao contorno, e non ao revés.

Lei de consenso
A conselleira trasladou aos participantes nesta xornada que a Lei do solo vén de comezar a tramitación parlamentaria, onde espera acadar o máximo consenso para un texto normativo que considerou dos máis importantes da actual lexislatura e que nace con vocación de futuro e de permanencia. Destacou que a nova Lei do solo está dirixida a protexer e mellorar o territorio galego facéndoo compatible co seu aproveitamento.

Reiterou que o obxectivo último da Xunta é contar cunha lei de todos os galegos e para todos os galegos, grazas a que foi unha norma desenvolvida co máximo consenso e que estivo exposta preto de dous anos para que “quen quixera facer achegas, puidera facelo”.

“O resultado desa participación pública resúmese nas seguintes cifras: mantívose un diálogo con 75 axentes sociais, a celebración de 30 encontros sectoriais e a incorporación ao texto dun 80% das alegacións que se achegaron”, lembrou Beatriz Mato, quen aproveitou a ocasión para agradecer a participación e as achegas da Confederación de Empresarios de Pontevedra.

Para concluír, a conselleira destacou os tres obxectivos esencias que se pretenden consolidar con esta nova Lei do solo: “a ordenación do territorio de Galicia, promover e facilitar o desenvolvemento do medio rural e garantir a máxima protección da paisaxe galega”.